Monday 06 de May de 2024

A Xunta fai entrega ao GES de Mugardos dun equipo de excarceración que reforza e mellora a atención ás emerxencias


O vicepresidente da Xunta fixo entrega hoxe do equipo ao alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus, que redundará nunha mellor capacidade de intervención co fin de acadar un maior grao de seguridade para os cidadáns

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda entregou ao alcalde do concello de Mugardos, Juan Domingo de Deus Fonticoba, un novo equipo de excarceración que reforzará e mellorará a atención ás emerxencias dos GES, redundando nunha mellor capacidade de intervención co fin de acadar un maior grao de seguridade para os cidadáns.

Alfonso Rueda destacou a importancia da frutífera colaboración entre Administracións, en especial cando se trata dun eido tan sensible e importante como é o das emerxencias e a seguridade cidadá, e incidiu que un dos obxectivos principais do goberno galego é acadar unha elevada calidade de resposta ás emerxencias en toda comunidade, asegurando a coordinación de todos os organismos e administracións implicadas, e poñendo a disposición dos servizos de intervención, os materiais e equipos específicos para o seu uso na resolución de determinado tipo de intervencións, coma é o caso da entrega hoxe ao concello mugardés deste novo equipo de excarceración.

A adquisición deste equipamento está cofinanciada polo Programa FEDER, nun 80 por cento, para a mellora de infraestruturas e equipamento de emerxencias nos servizos municipais e supramunicipais de protección civil e emerxencias, co fin de garantir unha resposta eficaz fronte aos riscos producidos polos fenómenos da natureza así como os derivados da actividade do home, ademais das tarefas de prevención fronte aos mesmos.

A AXEGA destinou no marco do Programa FEDER 2007-2013, máis de 1,7 millóns de euros para a adquisición de material operativo en materia de emerxencias, entre os cales foron adquiridos, 10 pick ups, 7 furgóns, 1 camión contra incendios, 10 remolques de emerxencias, 15 esparexadores de sal, 3 embarcacións, 5 equipos de respiración autónoma e 419 terminais TETRA de comunicacións de emerxencias para concellos (móbiles, portátiles e fixos). Todo coa finalidade de tratar de conseguir que as emerxencias, en calquera sitio da comunidade, se atenden con iguais garantías de eficacia e eficiencia.